Fantásticos talleres estes dous últimos de Nocturnia, o programa de ocio alternativo e de balde para a mocidade do Concello da Coruña, no que nos achegamos á arte postal e ao mundo dos súper heroes. Compártovos algunhas imaxes do acontecido, decirvos que foron grupos limitados de aforo e seguindo as máis coidadosas medidas de seguridade fronte á covid, unha organización impecable e sempre pensando na xuventude que participa do programa. E dicirvos tamén que se achegan a estes talleres mozas e mozos altamente creativxs e interesadas polo mundo das artes plásticas e visuais. Hai unha canteira poderosa e chamativa na cidade de rapazada que ven na plástica, no debuxo, cómic, videoxogos, moda, ... unha forma de expresión e posible estilo de vida para o seu futuro. Para min é un pracer poder acompañalos un pouco do camiño, con respecto e as orellas abertas ás súas inquedanzas.
No obradoiro de mail art participamos na convocatoria Free as a bird , convocatoria feita desde Den Haag por Alex Witter : https://vrijalseenvogel2020. Neste blog podedes ir vendo todos os aportes. https://vrijalseenvogel2020.blogspot.com/
Como noutras ocasións comunicarse a través do envío postal e da plástica nos abre a mirada sobre outros territorios, outras formas de comunicación e desta volta reflexionando sobre a liberdade.
No obradoiro de Super Poderes De Cómic debuxamos e definimos a personalidade dunha/dun alter ego, cos súper poderes que agochamos no interior. Ser conscientes das habilidades que temos, da posibilidade de converter unha inseguridade ou debilidade nun punto forte, en algo que nos diferencia e nos da forza :)
Primeira vez en nocturnia con este obradoiro de cómic e gratamente sorprendida co grupo de participantes, a conexión e o entendemento que xurdiu no transcurso da actividade. Foron os dous talleres momentos moi especiais. Moitas gracias por participar!!
Lembrade que aínda queda todo Xullo e Agosto cheo de actividades e talleres variados e moi ben pensados para a mocidade, seguide atentxs ao programa e anotádevos!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario