mércores, 13 de xuño de 2018

contidos Verán é Arte 2018


No Verán é Arte eliximos diferentes artistas cos que traballar, coñecéndoas/os, analizando algunha da súas obras e realizando as nosas creacións a partir dos estímulos conceptuais, emocionais, artísticos... que nos provoquen estas. 

 Preparádevos para artistear!!  E temos  Verán é Arte para maiores  
      o.o 
Infórmate no correo polotallerdepolo@gmail.com

  
Aprenderemos técnicas e procesos propios das artes plásticas, a linguaxe artística básica axeitada para idades de seis a doce anos; desenvolvendo os contidos de maneira individual e tamén en grupo, de xeito que nos permita traballar a convivencia entre nós e desenvolver as nosas habilidades persoais. Achegarnos á Historia da Arte, coñecer diferentes artistas e tendencias que nos introduzan na cultura visual propia do noso tempo. Poñeremos de manifesto a sensibilidade artística-estética de cada participante e desenvolveremos as nosas habilidades manuais a través de diferentes técnicas plásticas.

Buscamos o diálogo e o coñecemento mutuo; divertirse coas artes -coa observación e a análise- así como manexando útiles e materiais coas mans. Despertar a atención á cultura visual e a análise estética ao tempo que favorecer o desenvolvemento persoal e social das participantes, así como a súa auto-estima.






Frida Kahlo e Viva la vida como clásico no noso taller, desfrutar do bodegón e imprimirlle todo o optimismo e ledicia de ser e estar. As Meninas tamén estarán presentes en versión clásica e na versión de Y. Morimura, sacándoas do marco/cadro, e xogando a escapar e re-visitar tan coñecido retrato dende novos ángulos. A pintora Judith Godwin levaranos á pintura-expresión, emoción e corpo ao combinarse coa bailarina e coreógrafa Martha Graham. Seguiremos coa pintura narrativa de Paula Rego como proposta para levar adiante as nosas propias historias, xa sexa con colaxe, pintura ou ámbalas dúas.


Sophie Taeuber Arp levaranos á linguaxe abstracta; o gusto pola cor e a combinación de elementos xeométricos, aplicados aos nosos soportes ou a un mural colectivo, dependerá dos tempos e das enerxías.
E, para engadir contemporaneidade Grayson Perry nos incitará a un achegamento á publicidade e cultura masiva, a unha divertida confrontación de “bon e mal gusto” e Chiharu Shiota levaranos ao sentimento, á delicadeza e poesía visual das súas instalacións; no noso caso tomaremos como referencia “cartas de agradecemento” (intervención para el Espai de Art Contemporani de Castelló ) invitándovos a contribuír co envío de unha carta dando as gracias, fora cal fora o motivo da gratitude do eu que escribe a un suposto outro, sin necesidade de identificalo (pode ser imaxinario). A vosa carta(pode ser por correo electrónico/whatsapp/correo postal/na man) sumarase entón á nosa instalación, e sumaremos o noso agradecemento as vosas cartas ;)

 
Sophie Taeuber-Arp
   

 

 
Grayson Perry


Contamos coa interesante participación de TocaMadera artesanía que nos achegará a reciclaxe, e a sensibilidade da natureza, a observación do mais cativo, a beleza do cotiá. Como temos cerca a fincadoníspero e outros espazos verdes do barrio aproveitaremos para desfrutar da luz, plantas, árbores, arte na natureza... apropiarnos do barrio. Todo un súper plan para este mes de Xullo no que queremos aportar cultura, coñecemento, beleza, ilusión e vida ao barrio e as nosas vidas. 

 https://www.instagram.com/tocamaderagalega/
 







Ningún comentario:

Publicar un comentario