domingo, 11 de decembro de 2016

Taller Aberto "Miradas de mulleres artistas-mestras"



 
En decembro do 2015 abrimos as portas do espazo de Artes Plásticas tallerdepolo como Galería de Arte na que mostrar o traballo de varios artistas e artesáns do barrio e da cidade da Coruña.Esta convocatoria resultou moi ilusionante e deu pé a posteriori a outras actividades e encontros diversos entre @s participantes, así como a necesidade de repetir e modelar un novo Taller Aberto. Si o ano pasado nos xuntamos varios artistas, artesáns e creadores do barrio e da cidade, coñecéndonos ou reencontrándonos e facéndonos presentes no barrio de Os Castros, este ano xurdiu a proposta: Miradas de mulleres creadoras e mestras.

A raíz dunha experiencia de mansplaining (necesidade dalgúns homes de explicar á muller presente algo que ela mesma fai-crea) vivida nun ambiente entre colegas artistas, xurdiu a idea de xuntarnos e compartir experiencias mulleres que desenvolvamos unha labor artística e tamén formadora na cidade.


Coa idea de compartir experiencias, dúbidas, anécdotas,... especialmente con mulleres creadoras (artistas, ilustradoras, artesáns,et) sobre esta profesión (ás veces tamén forma-filosofía de vida). Moitas trasladamos estes coñecementos técnicos a outras persoas; adultas ou pequenas e, incluso ás veces, tratamos de compartir tamén a nosa forma-filosofía de vida... ou tratamos de transformar (pensamos que pra mellor) o entorno máis achegado.


Con estas actividades de novo nos propoñemos dinamizar o barrio de Os Castros abrindo un espazo á cultura e á reflexión artística. Achegando ao barrio o traballo de creadoras diversas que operan no territorio galego. Abrir un espazo onde mostrar ao público xeral os traballos creativos das participantes así como os seus proxectos que vinculen educación e artes. Fomentar relacións, enredos e posibles colaboracións entre talleres, entre artistas ou entre estes e o barrio...


Abriremos as portas o venres 16 de decembro: o sábado as once realizaremos un Taller Infantil Aberto “Mirada de artista” en relación á exposición(é importante reservar praza con anterioridade). Ese mesmo día ás seis propoñemos un Café-conversa de varias mulleres artistas-mestras onde reflexionar sobre esta profesión dual. O domingo teremos as portas abertas ao barrio e ao público que queira visitar e coñecer estes traballos e proxectos vinculados á educación, conversar e dialogar fronte as obras e pasar un día diferente.


Esperando vervos de novo polos Castros!
Lembrade en Monte das Moas 17, baixo- tallerdepolo.blogspot.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario